FUNDACIÓN

ANDREU NIN


Os heterodoxos do comunismo galego (1931-1936)      

Dionisio Pereira

16 de outubro de 2007

   A oposición de esquerda ao Partido Comunista, influída por Trotsky, deu fe de vida na Galiza na mesma alborada da República. A "Federación Gallega de Grupos" da "Organización Comunista de España" (OCE), constituída en decembro de 1931 e rebautizada a comezos de 1932 como "Izquierda Comunista de España" (ICE), tivo como audiencia naquel esperanzado primeiro tempo republicano a reducidos círculos de traballadores e un feixe de inquedos intelectuais das cidades de Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense. A maiores, os trotskistas contaron naquela altura con algúns simpatizantes dispersos, espallados polas bisbarras de Pontedeume, O Barco de Valdeorras, Padrón e as localidades de Maniños, A Teixeira (Castro Caldelas), Noia e Ribeira (Pagés, P.; 1977). Como mostra da cativa entidade destes núcleos, o voceiro teórico da OCE, “Comunismo”, a penas contaba a cabalo entre 1931 e 1932 cunha vintena de susbscriptores na Galiza, dun total de 308 que tiña en todo o Estado (Bonamusa, F.; 1977).

   Daquela, os seus militantes máis sinalados eran o pintor ourensán Cándido Fernández Mazas e os seus irmáns Armando e Mario, o empregado do Banco Pastor e debuxante vangardista de Padrón, Andrés García de la Riva, máis coñecido polo seu nome artístico de “Andrés Colombo”, amais do piloto da Mariña Mercante natural de Ribeira, Manuel Fernández Sendón; este, por cuestións de traballo, actuaba decote en Asturias. Tamén eran moi coñecidos en Lugo os irmáns Ramos López: Julio, xornalista, socio honorario da Asociación Tipográfica e antigo directivo da Agrupación Socialista; José, alcumado "O Comunista", animador do radio local creado en xuño de 1932, onde tamén atopamos ao futuro poeta Lorenzo Varela e ao xornaleiro Purificación Abuín, primeiro secretario político da agrupación (Salgado, F.; 1995/Santos Alfonso, A.; 1999). Por último, no Barco de Valdeorras destacaba o fotógrafo de orixe catalana, Manuel Blanco Pascual, que, anos andados, encabezaría o PCE local (García Yáñez, F.; 2005).

    Alén do devandito, algúns galegos residentes en Madrid e gañados para o trotskismo, servían de apoio nos períodos que pasaban na terra: velaí ao ourensán Alberto Fernández Mezquita, curmán de “Augusto Assía”, sindicalista ferroviario e noivo da pintora Maruxa Mallo; ao transportista de Triacastela (Lugo), Dositeo Iglesias Docampo; aos tres irmáns Granell (Eugenio, Mario e Julio), colaborador o primeiro do semanario “El Soviet”, dirixido en Barcelona por Andrés Nin, e fundadores todos eles das "Juventudes de Izquierda Comunista" madrileñas; ao seu curmán, o ferrolán Jaime Fernández, integrado no Sindicato Mercantil da CNT; ao compostelán Carlos Rivas, procedente do PCE e no tránsito de se afiliar á Falange; ao propio Cándido Fernández Mazas, transladado á capital do Estado en 1933.... Deles, quen acadou maior sona dentro da organización, foi Enrique Fernández Sendón, irmán de Manuel e un dos fundadores e ideólogos da OCE. O que fora membro dende xuño de 1931 dos Comités Executivo e Central da organización e redactor da revista "Comunismo" baixo o alcume de “Fersen”, medrara no seo dunha familia acomodada de Ribeira emparentada cos Colomer e fora compañeiro de rebeldías do poeta Manoel Antonio nos tempos da Ditadura de Primo. Logo fixérase trotskista en Madrid no devalo da década dos 20, na súa época de frustrado estudante de Ciencias Exactas. Cando a República, comezará a destacar como xornalista ao tempo que militante nas agrupacións marxistas revolucionarias que darán lugar á ICE; iso sen facer deixación do contacto con aqueles compatriotas residentes na capital do Estado que animaban senllas experiencias de xornalismo independente e combativo, como "Nueva España", "Crisol", "Nosotros" ou "PAN", nas que "Fersen" colaborou ás veces (Axeitos, X.L.; 1996/ e Bobillo, U.; 1998). Con algúns deles, caso de Eugenio Fernández Granell, Lorenzo Varela e Cándido Fernández Mazas, compartiu, ademais, inquedanzas políticas. Andando o tempo republicano, "Fersen" chegou a manter estreitos vencellos coa esquerda do Partido Socialista e da UGT, escribindo a miúdo en "Leviatán", voceiro teórico da fracción achegada ás teses de Largo Caballero e dirixido polo seu amigo Luís Araquistain, así como na "Revista de Economía Socialista" editada pola "Federación Española de Trabajadores de Banca". Naquel tempo, a brillantez e precisión das colaboracións sobre economía e política internacional, converterían a "Fersen" nunha figura moi aprezada dentro do esquerdismo madrileño (Pereira, D.; 1998).

   Voltando a Galiza, no primeiro trienio republicano a ICE non foi máis alá dun fato de afervoados admiradores da figura de León Trotsky, dotados dunha mínima organización interna; para impulsala, o propio “Fersen” realizou unha xira de propaganda a fins de 1933, impartindo conferencias en Lugo, Ourense, Santiago, Ribeira, Padrón e Vilagarcía. Algúns daqueles militantes, caso de José Ramos, “Andrés Colombo”, ou Armando Fernández Mazas, pasaron meses na cadea a resultas da súa destacada intervención nas accións solidarias coa frustrada Revolución de Outubro de 1934. Non obstante, as cousas viraron en 1935 co desembarco en Compostela de Luis Rastrollo González, un estremeño de 27 anos procedente de Llerena, licenciado en Dereito e casado cunha farmaceutica compostelá, que viña sendo sobriña do coñecido coengo Cimadevila. Rastrollo, compañeiro de “Fersen” no primeiro Comité Executivo da OCE e no Consello de Redacción de "Comunismo", onde asinaba co rótulo de “L.Siem”, chegaba co prestixio de ser un dos responsables da sorprendente expansión do partido entre os xornaleiros do sur da provincia de Badajoz e coa intención de afortalar unha Federación galega da ICE (Hinojosa, Durán, J.; 2000/Pagés, P.; Ibidem).

    A xeira galaica do POUM

   Andando o outono daquel ano, vaise consumar a fusión da organización trotskista co "Bloc Obrer i Camperol" (BOC) de Joaquín Maurín para artellar o POUM. A confluencia tivo lugar na Galiza exclusivamente a partir da militancia da ICE, pois o BOC tan só contaba cun grupo de cinco afiliados en Ourense e algúns subscriptores de “La Batalla” en Compostela; non obstante o proceso non se ía desenvolver sen algúns problemas. Sabido é que, no verán de 1935, Trotsky rexeitou o achegamento entre ambos grupos e aconsellou aos compoñentes da ICE o ingreso no PSOE e nas JJSS, para influíren na progresiva radicalización das súas bases. Fora da Galiza, "Fersen" foi un dos poucos que fixo caso ao revolucionario ruso adherindo ao PSOE nos derradeiros días da República, con resultados ben cativos, por certo. En territorio galego, constatamos, asemade, a marcha de Manuel Blanco Pascual ao PCE e a integración dunha ducia de cadros trotskistas ourensáns nas JJSS; entre eles, os irmáns Mario e Armando Fernández Mazas, este último naquel intre directivo da “Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense” (ATEO) e ben coñecido polo seu activismo na Casa do Pobo local, o mestre Adolfo Rodríguez Ansías e o labrego retornado do Uruguai e aveciñado en Amoeiro, Juan Antonio Dopazo. Aos poucos, en decembro de 1935, os irmáns Fernández Mazas alentarían unha interesante publicación unitaria denominada “Espartaco”, voceiro da mocedade antifascista da capital das Burgas (Cid Fernández, X.M.; 1989), na que participaron, xunto cos antigos trotsquistas, mozos socialistas e comunistas, así como membros das Mocedades Galeguistas.

   De calquera maneira, nos derradeiros tempos da IIª República os comunistas heterodoxos que se reclamaban do marxismo revolucionario, contarán cunha pequena pero progresiva implantación sindical e social na Galiza, sustentada nunha militancia entusiasta que se distinguía do resto das correntes operarias tanto polo aquel anticapitalista e a teimuda defensa da unidade sindical mediante as Alianzas Obreiras, como pola crítica matizada ao tépedo interclasismo da Fronte Popular, ao que, nembargantes, adheriron a escala estatal en xaneiro de 1936 atemperando, en certa medida, unhas directrices estratéxicas caracterizadas pola independencia de clase.

    No tocante á cuestión nacional, o pequeno núcleo de trotsquistas galegos fixo gala ata 1935 dun notorio descoñecemento do bulir nacionalista no país. Velaí as “Tesis sobre las nacionalidades” aprobadas pola IIIª Conferencia da OCE, celebrada o 26/3/1932: Galiza “...ni por su cultura particular, que no la tiene, por lo menos con fuerza para distanciarse del resto de España; ni por su desarrollo económico, plantea ningún problema nacional.” (Pagés, P.; Ibidem). As opinións de Andrés Nin, publicadas na revista “Leviatán” a fins de 1933, ían, asemade, polo mesmo carreiro: “Existen en España dos movimientos de emancipación nacional de vitalidad indudable: el de Cataluña y el de Euskadi. El de Galicia, por el momento, no es más que un balbuceo regionalista, falto del calor de las grandes masas y refugiados, por ello, en los cenáculos literarios y en las Academias”. Inexistencia de cultura propia, correspondencia mecanicista entre ausencia de burguesía e falta de conciencia de país, inviabilidade da construcción nacional derivada do atraso económico (Alfonso Bozzo, A.; 1976)..., eran lugares comúns nos textos internos da ICE, elaborados en boa medida por “Fersen”, quen, sorprendentemente, tivo uns antecedentes galeguistas na súa mocidade a carón dos Dieste, Manoel Antonio, Xosé Otero Espasandín ou Ramón Martínez López. Logo, tras a fusión cun grupo tan activo na cuestión nacional como o Bloc Obrer i Camperol (sen presenza algunha na Galiza, xa o dixemos), os antigos trotsquistas galegos incorporados ao POUM moderaron a súa postura, apoiando o Estatuto de Autonomía de Galiza con certas reservas e “como primer paso en la conquista de la autodeterminación” (Alfonso Bozzo, A.; Ibidem). De calquera maneira, o POUM non participará na campaña pro-Estatuto a carón do resto dos partidos da Fronte Popular, mentres que o recoñecemento do dereito a decidir das nacionalidades históricas nunca traspasou a fronteira dos posicionamentos formais.

   Se facemos un repaso á xeografía do POUM na Galiza dos días previos ao golpe militar do 18 de xullo de 1936, atopamos con que en Santiago actuaban as "Juventudes Marxistas", moi activas na Universidade, onde boicotearon nada menos que a comparecencia do representante de  Dereita Galeguista, Xosé Filgueira Valverde, na Facultade de Medicina o día do escrutinio do Estatuto, debido ao carácter reaccionario do relator (González Probados, M.; 1988). Pola súa banda, Rastrollo, amais de exercer como secretario do POUM galaico e integrar o Comité Central do partido, encabezaba a FETE-UGT local e asesoraba aos sindicatos que agora ocupaban a antiga residencia dos Xesuítas. Na CNT compostelá, por exemplo, a xente do POUM faciase notar cun bo feixe de militantes no ramo da Construcción, tal que o directivo dos carpinteiros Fernando Picón, e algúns cadros societarios noutros gremios, caso de Luís Sánchez e Ricardo Aradas, secretario e presidente dos Constructores de Calzado e Panadeiros, respectivamente. Nos derradeiros días da Fronte Popular, incorporouse ao POUM compostelán o escribente Ángel Mejuto “Lito”, que fora un dos fundadores das JJSS no ano 1933 e mantiña múltiples contactos en Pontecesures. En Ribeira, onde existía un feixe de militantes do POUM que estenderon aos poucos a organización a Boiro (Soutomaior, J.; 1999), Manuel Fernández Sendón era un dirixente emblemático da UGT, e Andrés Colombo, secretario do Sindicato de Oficios Varios de Padrón, xogaba idéntico papel naquela vila. Na Costa da Morte, o POUM influenciaba os sindicatos cenetistas de Ponte do Porto e Camariñas. En Lugo, o mestre José Ramos gozaba de moito prestixio nas ringleiras socialistas, logo da súa participación nos sucesos de Outubro de 1934 e outro tanto acontecía nos medios sindicais co albanel Modesto Neira Corredoira ou co serrador José Méndez Lago. Por outra banda, en terras ourensáns albiscamos a presenza dunha célula do POUM na localidade de Rubiá, na bisbarra de Valdeorras. A maiores, a secretaría da FETE-UGT coruñesa estaba ocupada por un mozo recén incorporado á organización, procedente do PCE: chamábase Uxío Carré Naia, neto de Uxío Carré Aldao (González Probados, M.; Ibidem).

   A figura de Uxío Carré ben podería ser simbólica do dinamismo e a intelixencia, prematuramente estragados, ao servizo dos máis desfavorecidos. No intre do golpe militar, era profesor mercantil sen ter aínda vinte anos. Pouco antes, en 1935, fundara a "Unión de Estudiantes Antifascistas" en resposta á violencia desatada polos falanxistas na Escola de Comercio herculina. Formando parte da súa directiva, aquel mozo de brillantes intervencións contra do fascio chegou a ser moi querido nos ambientes da esquerda herculina, ata o punto de compartir máis de unha vez estrado con un orador tan acreditado como o líder confederal José Villaverde. Nos derradeiros días da República, xa integrado no POUM, despregou un grande labor como axitador sociocultural organizando "Centros de Estudios" en diversas barriadas populares, caso do Centro Cultural “La Antorcha Social” de Feáns. E no eido laboral, compartiu con sindicalistas ben curtidos, da sona de Francisco Mazariegos (UGT) e Manuel Vázquez Sampayo (CNT), a responsabilidade de amañar o encirrado conflicto que ambas centrais mantiñan en Camariñas contra os patróns da fábrica de conservas de Andrés Cerdeiras.

   Roteiro final

  O progresivo desenvolvemento do POUM na Galiza, posibilitou que, un día antes do golpe militar, chegara Joaquín Maurín a Compostela para realizar unha xira de propaganda pola provincia de A Coruña e asistir a un pleno “regional” do partido. Nada máis chegar o 17 de xullo, Maurín xunto con Rastrollo e “Andrés Colombo” desprazaronse á  vila de Ponte do Porto para intervir nun mitin, pero diante das novas dunha revolta militar no Marrocos decidiron voltar a Compostela (Colombo, A.; 1983). O pleno, evidentemente, nunca se celebrou e tampouco os dous actos públicos previstos en Santiago, un na Casa Sindical e outro no Teatro Principal, onde Maurín e Rastrollo ían ser presentados por Fernando Picón e Ángel Mejuto, respectivamente. Nos días posteriores, os militantes do pequeno partido comunista participaron activamente nos Comités revolucionarios que artellaron a resistencia en Compostela, Lugo, Padrón, Ribeira e Ponte do Porto (Silva Ferreiro, M.; 1938). Se cadra por iso, como denunciará máis adiante o periódico "La Batalla" , moitos deles foron asasinados nos primeiros intres da contenda. Naquela derradeira semana de Xullo, Uxío Carré apareceu cosido a tiros na parroquia de Elviña, nos arrabaldos da Coruña, xunto con José Rosende, coñecido camareiro anarcosindicalista. Segundo algúns, o revólver atascouselle cando se foi defender. Joaquín Maurín, agachado na cidade herculina durante algún tempo, viviu de perto a desesperación da súa familia (Maurín, J.; 1980). O desgarro de Enrique Fernández Sendón non foi menor, cando soubo a mala morte do seu irmán Manuel, “paseado” o 29 de xaneiro de 1937 en Santiago, xunto con dous camaradas socialistas e un cenetista de Ribeira. Tamén asasinaron a José Ramos en Lugo, ao ferreiro Domingo Cotarelo en Rubiá, a Rial en Santiago, ao limpabotas coruñés Juan Serantes, a Justo Galán, un trotskista madrileño afincado na Coruña e colaborador da rede clandestina tecida pola FAI herculina.....

  Canto a Luis Rastrollo, a súa preparación valeulle para ser elixido polos sindicatos como asesor no Comité da Fronte Popular, formado en Compostela para poñer coto á rebelión dos militares e sectores reaccionarios. Cando o exército dominou a situación, debeu ficar na cidade, xa que Isaac Díaz Pardo lembra as visitas que facía ao seu pai aquel veciño estremeño, conceptuado de "intelixente, rigoroso e ben informado" (Fernández Santander, C.; 1987). Detido pouco despois, Rastrollo agardou nos baixos do Pazo de Raxoi o xuízo sumarísimo no que se pediu pena de morte á totalidade dos membros do Comité, acusados de "traición a la patria". Chegado o día, conta “Colombo” que por Santiago correu a voz de que o avogado do POUM déralle volta á realidade imposta polas armas e convertera ao xuíz militar Rueda de Andrés e ao fiscal Puga en acusados...

Foi en balde: Luís Rastrollo González caeu fusilado contra o valo do cemiterio de Boisaca a carón doutros dez compañeiros do Comité, no abrente do 3 de decembro do funesto ano de 1936. Outros, caso de Maurín, Mario Granell, Dositeo Iglesias ou Modesto Neira, pasaron anos na cadea; Alberto Fernández Mezquita ou Eugenio Granell, optaron polo exilio; “Colombo” e Jaime Fernández continuaron a loita clandestina nas ringleiras da IV Internacional dende Francia (Acuña, X.E.; 1998/Colombo, A.; Ibidem); Armando Fernández Mazas e Juan Antonio Dopazo viviron moito tempo no anonimato máis absoluto...... Anos andados, a fins da década dos 40, Ángel Mejuto falecerá tras os malos tratos sufridos no cuartelillo da Garda Civil de Lalín, onde fora parar tras ser acusado de actuar como enlace da guerrilla de “Foucellas” (García Domínguez, R.; 2002).  

    Dende aquela, o POUM desapareceu na Galiza. Cando a comezos dos anos 70 algúns estudantes da Universidade compostelán integrantes da trotsquista “Liga Comunista Revolucionara” contactan co veterano loitador Luis Sánchez no seu domicilio da Choupana, retoman o fío da memoria do marxismo revolucionario en terras galegas. Pero iso, xa é outra historia.....
                        
                                                                                                               

                                                                  Bibliografía


-    ACUÑA, X. E., “Xaime Fernández, o galego bolchevique”, in Semanario A Nosa Terra, Vigo, nº 860, 10 decembro 1998.
-    ALFONSO BOZZO, A., Los partidos políticos y la autonomía de Galicia, 1931/1936, Akal, Madrid, 1976.
-    AXEITOS, X.L. (Editor), PAN, revista epistolar y de ensayos, Ediciós do Castro, Sada, 1996.
-    BOBILLO, U. e AXEITOS, X.L., Enrique Fernández Sendón (L.Fersen). Memoria e antoloxía dun republicano galego, Ediciós do Castro, Sada, 1998.
-    BONAMUSA, F., Andreu Nin y el movimiento comunista en España (1931-1937), Ed. Anagrama, Barcelona, 1977.
-    CID FERNÁNDEZ, X. M., Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República. Universidade de Santiago de Compostela, 1989.
-    COLOMBO, A.,  Andrés Colombo, Ediciós do Castro, Sada, 1983.
-    FERNANDEZ SANTANDER, C., El Alzamiento de 1936 en Galicia. Datos para una historia de la guerra civil, Ediciós do Castro, Sada, 1987.
-    GARCÍA DOMÍNGUEZ, R. “Borobó”, “Anacos de Borobó: O exemplo de Ángel Mejuto”, in Semanario A Nosa Terra, Vigo, nº 1049, 26 setembro 2002.
-    GARCÍA YÁÑEZ, F., O Barco e a Terra de Valdeorras durante a IIª República e o Franquismo (1931-1977), A Nosa Terra, Vigo, 2005.
-    GONZÁLEZ PROBADOS, M., Crise económica, movimento obreiro e socialismo na Galiza republicana (1931-36), Tese de Doutoramento inédita, Universidade de Santiago de Compostela, 1988.
-    HINOJOSA DURÁN, J., “Un episodio original en el movimiento obrero extremeño: el núcleo trotskista de Llerena durante la IIª República” in Actas de la Iª Jornada de Historia de Llerena, Junta de Extremadura, 2000.
-    MAURÍN, J., Recuerdos y Testimonios, Ed. Júcar, Barcelona, 1980.
-    PAGÉS, P., El Movimiento trotskysta en España, 1930-36, Ed. Crítica, Barcelona, 1977.
-    PEREIRA, D., Sindicalistas e rebeldes: anacos da historia do movemento obreiro na Galiza, A Nosa Terra, Vigo, 1998.
-    SALGADO, F. Lorenzo Varela, crónica dunha vida atormentada, Ediciós do Castro, Sada, 1995.
-    SANTOS ALFONSO, A., La sublevación militar de 1936 en Lugo, Ediciós do Castro, Sada, 1999.
-    SILVA FERREIRO, M., Galicia y el Movimiento Nacional, Imprenta del Seminario Conciliar, Santiago, 1938.
-    SOUTOMAIOR, J., “Eu roubei o “Santa María”, Ed. Galaxia, Vigo, 1999.



  Edición digital de la Fundación Andreu Nin, 2011

 
Fundación Andreu Nin
Andreu Nin
Joaquín Maurín
POUM
Víctor Serge
George Orwell
 Reseñas
Perfiles revolucionarios
Juan Andrade
Wilebaldo Solano
Eugenio Granell
Ignacio Iglesias
Víctor Alba
Julián Gorkin
Archivos de la revolución
Bibliografía
Boletín electrónico
Catálogo de publicaciones
Links
Mensajes (E-Mail)

Inicio